ESTRELIÑA QUE RELOCES
(Canto de berce)

Música e letra: Xaquín.

Estreliña que reloces
Na noite de luar serea,
Estreliña que te miras
Nas augas da fonte quedas,
Se o teu brillo é fermoso
Non te podes comparare
Cos luceiros dos seus ollos.
 

A ro, ro, ro, ro...  
(música)

Flor no orballo que reloces
Cando empeza a abrir o día,
Flor fermosa que arrecendes
Ao caer da tardiña,
Flor altiva e orgullosa,
Non te podes comparare
Coa feitura desta rosa.
 

A ro, ro, ro, ro...  
(música)

Airiños que me traedes
Cando empeza a primavera
O canto do vento alegre
Entre os soutos e as silveiras,
Traede no abrir do día
A alborada dun sorriso
A esta xoia, xoia miña.

A ro, ro, ro, ro...
(música)