Miserere!

Letra: Ramón Cabanillas

Música: Xaquín

(A) Morre abafada a Galiza
Baixo a pouta castelá;
Temos fame de xustiza; 
Fame de lobo e de can.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!
Saen os vapores cheos;
Nenos e homes que se van:
Cai o pedrizo dos ceos
E deixa arrasado o chan.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!

(B) Ao chegar o San Martiño
Os foreiros voltarán;
Non esquecen o camiño
Nen a renda esquecerán.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!
Pobre de nós!

(A) Non hai herbas para o gando
Nin queda palla do verán;
Os automóbeis bruando
Estrada adiante van.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!
Xuraron nas eleccións
Facer a vida levián;
Soben as contribucións;
O ano que vén dobrarán.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man! 
(B) A corenta reás o millo
E non se atopa nin un gran;
Eles… dándolle ao sarillo,
Facendo como que fan.
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!
Pobre de nós! 

(C) Temos o frío nos ósos,
Non hai follato nin lan;
Choran os filliños nosos
Pedindo quentura e pan!
Temos frío! Temos medo
De erguer o sacho na man!
Bebemos o viño acedo
E xa o sangue é solimán!
Pobre de nós!
Pobre dos pobres sen pan!
Pobre de nós!
Deus nos colla da súa man!